Logo lareira.net  
 
   |  Principal   |  Inicio   |  Favoritos   |  Recomendar   |  Comentarios   |   RSS  

PRODUCTOS DE TEMPORADA

SETEMBRO

De sempre setembro é un mes de paso: remata o vrán e chega o outono. Este ano, por exemplo, tiveron que recollerse as cebolas un pouco verdes para o meu entender, e os tomates da horta viñeron tarde porque en Galicia  xullo veu con mal tempo, e tamén a primeira semán de agosto. Pero non nos laiemos porque moito pior o pasaron no centro de Europa coas choivas torrenciais e as crescidas dos rios, causa de que finara moita xente e se destragaran milleiros de millóns de bens, algúns deles (tesouros da humanidade) irrecuperables. Pero son cousas.

Xa que logo, poucas diferencias atopamos entre os productos para a mantenza en setembro cós productos de que falamos o mes de San Iago pasado.

Emporiso, botémoslles unha lixeira ollada. Falando da horta seguemos a ter xudías verdes, berinxelas, pementos verdes, non só de Padrón senón de Arnoia, tomates (que xa dixemos que viñeron tarde), pepinos, aipos, espinafres... e non quero esquecer as urtigas, collidas con luvas e lavadas, folla a folla, con elas postas. Despois son coma espinafres. E seguen as mazás (as serodias ata o mes de novembro) e peras; pavías, figos, avelás, escomenzan a aparescer as uvas, e tamén aínda se poden mercar abruños se os respetaron os paxaros.

Do mar, dende a sardiña de todo o ano, agás no paro biolóxico, ata os chinchos ou samartiños, douradas, vellos e bicudas ou calquera outra especie que se pesque ó chou, temos aínda o bonito do norte e o atún. De marisco aínda non se pode falar de centolas, pero xa aparescen algunhas vieiras vivas e santiaguiños, seguen as zamburiñas e o lumbrigante, e dentro de pouquiño os camaróns, tamén de todo o ano, estarán "en comida" cós "corais" no cefalotórax.

De carnes as de sempre, esperando que a cazata se poña a tiro, non das escopetas senón dos petos.

Pero setembro, coma despedida do vrán, está cheo de festas, coma vostedes poden comprobar sen sair de aquí. Pero é que ademáis o santoral tamén as favorece aínda que non haxa "santiagos" e "santasmarías". Pero, sen ánimo de ser excluínte, lembremo-lo día catro a San Gregorio, e a Nosa Señora de Guadalupe o seis. Para o sete hai Rexinas, Marcos e Esteban a moreas, e o oito a Natividade da Virxe, a dos Remedios o nove. O moi galego Pedro de Mezonzo o dez, Os Dolores o quince, con festa rachada na Cima de Aranga, e San Roberto o dezasete. Pero o vintecatro temo-la Virxe da Mercé, o vinteoito Wenceslao de Bohemia, e tamén de Galicia, e ó día seguinte, vintenove, conten con tres Arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael: ¿quen non ten un na familia?.

Por certo que os simbolistas asocian con Setembro a herba Cyclamen neapolitanum. Por estes eidos coñecemos dous Cyclamen da familia das Primuláceas ou Anagalidáceas (que ten máis de mil especies): o Cyclamen europeum, de corola enteira, e o Cyclamen neapolitanum, de corola dentada. O primeiro é unha importante planta medicinal. O outro é o símbolo do mes de setembro de que estamos a falar.

Se trata dunha herba, de fermosa flor e raiz tuberosa á que chaman "Pan porqueiro", porque din (e máis é certo) que o seu rizoma gosta ós porcos que a devoran. Emporiso, non é a única primulácea que lle gosta ós porcos, porque todo un xénero desta familia é o Samolus L. , e iste nome ven de duas verbas celtas: "san" que significa "bon", e "mos" que quer dicir "porco". E os porcos alédanse moito cando as atopan. Nos tamén.

Ata o mes vindeiro.

© OLAF, 2002

© lareira.net, 2001-  | Contacto [RSS válido]  CSS válido