OUTUBRO
En Galicia, aínda que Setembro foi un mes seco, coido que Outubro para aló vai a pesares de que non fariamos refugo a un pouco de auga. Emporiso, en canto á mantenza, poucos problemas haberá que non tiveramos xa resolto no mes pasado.
Para que este comentario non sexa longo por demais, imos facer unha sinxela relación dos productos de temporada (como é a nosa obriga) e sobrancear algún ou algúns deles que merezan seren asinalados.
Por exemplo, escomenzando polos vexetais seguen á nosa disposición as xudías verdes, pementos, espinafres, tomates, berinxelas, aipos, cabazas e cabaciños, leitugas, cebolas, allo-porros, aparescen as celgas, etc.; pero imos suliñar os cogumelos.
Outono é a tempada dos cogumelos que somentes esixen coñecelos e, xa ora, en caso de dúbida, rexeitalos. Exemplares de Lepiota procera hainos á vao, e os que coñecen estes cogumelos saben fuxir das lepiotas, non "procera", pequenas e moi tóxicas. E tamén temo-lo míscaro (Lactarius deliciosus) chamado "fungo dos piñeiros", e o "fungo da tinta" (Coprinus comatus) que non vale gran cousa, e os esquisitos cogordos ou andoas (Boletus edulis), e moitos máis. Somentes hai que non ter perda de rexeitar calquera dubidoso.
Pero tamén falemos das ceboliñas francesas, que dese xeito se chaman unha caste de pequenas cebolas que os galegos exportamos a Francia (poden perguntalo, por exemplo, a alguén da Laracha) e que a meirande parte dos cociñeiros cren que son de por aló enriba.
E coma vexetais tamén, ademais da froita da que falamos o mes pasado, non esquezamos que se adiantou a vendima por mor duns días de choiva; que escomenzou o tempo dos cítricos cunhas tanxerinas de pel finiña que saben a Deus dar. E que xa están a chega-las balocas.
De carnes xa temos tódalas que durarán o Outono e o Inverno. Pero neste mes, e nos dous que seguen, podemos dar conta dun bacoriño ben churruscado. Engadamo-la cazata no seu tempo legal, aínda que non haxa ás cheas, e xa temo-la mantenza cárnica que nos faga falla, pero vindo sempre ó rego da prudencia.
E deixando a terra por irmos ó mar, digámoslle adeus á sardiña, pero non esquezamos que escomenza o ollomol, aínda cativo. Tampouco fagamos refugo das xurelas nin do peixe espada ó forno. Por outra banda temo-las cariocas, a pescada, o bocareu de cando en vez, coma a robaliza, o linguado, as meigas ou o peixe sapo .
Do marisco, agás a centola que está a muda-la camisa, témo-los nomeados o mes pasado, e escomenzan a estar ben as nécoras, santiaguiños e vieiras Os bivalvos de sempre: berberechos, ameixas e mexillóns, e as ostras, coa langosta, bogavante, camaróns, etc. E tamén coma sempre o marisco, o mellor fruito do mar, leva o noso desexo e os nosos cartos. Cigalas a cento dez euros o quilo en orixe non hai moitos que podan mercalas sen enrubecer.
E para rematar, xa saben que Outubro tamén ten unha flor na simboloxía botánica: o "Corazonciño da China", nome poético da hipericácea "Hypericum perforatum" que hai a barrer en toda España e non somentes en Galicia. O seu nome común entre nós é "herba das feridas" e ten moitas aplicacións medicinais. Na Idade Media se queimaba nas casas e co seu fume fuxían os demos. Por iso, entón, chamabanlle "fuga demonium". Os celtas, nosos devanceiros, puñan un pequeno ramallete nas fiestras das casas e xa non entraban nelas os duendes e malas fadas.
Felices festas de San Froilán en Lugo, e feliz día da Nosa Señora do Rosario en A Coruña.
Feliz mes a todos.
© OLAF, 2002
|






|