NOVEMBRO
Novembro é o mes da caza. Na nosa terra galega hai moitísimos cazadores e pouquísima caza. ¿Será porque as terras son acedas?. Xa sabemos que as historias de cazadores están cheas de imaxinación e soños, moito máis que as dos pescadores de rÍo. Emporiso, de coellos hai cáseque pola vella, e estoutro día me dixeron que alguén ten adestradas algunhas parellas de perdices, e que alguén lle paga para que as solte cando remata a veda. As tales perdices saben xeografía e entenden o que lles dín que fagan, e tres ou catro parellas van a cadansúa provincia. O chegar a ela se deixan ver a carón das aldeas dun lado e doutro. Os cazadores que chegan da vila son debidamente informados e saen a encher. De camiño, na encosta do monte por onde van, ven un par delas pero moi lonxe. Cando se achegan a tiro, xa elas voan á ladeira de enfrente, e os cazadores veña baixar e veña subir medio día, ata que as perdices desaparecen, porque teñen que ir a ilusionar a outros cazadores. Ó remate da xornada, cecais cun coello ó cinto gracias ós cans, atopan na tasca onde se xuntan, cazadores "do lugar" con perdices mortas que venden a bon prezo. Xa saben todos, sen dicilo, que son de granxa, pero nas súas casas non.
Comprenderán vostedes que non crín ese conto. Aínda que non sei...
En novembro xa temos a moreas castañas e noces dol país. Nas feiras e feiróns abondan os goxos cunhas e con outras. Se enviamos unha póla de castiñeiro a un xuíz, querémoslle pedir que nos faga xusticia. E a noz simboliza a intriga por mor da astucia conque noutros tempos uns poucos soldados españois se fixeron coa praza de Amiens. Pero este mes rexeitamo-la súa planta simbólica e lembraremos que o vindeiro día 22 as repúblicas irmás de Uruguai e Arxentina celebran a festa da súa flor nacional: a Flor do Seibo, festa que xustifica a seguinte lenda:
Din que esta flor é a ialma da raiña india Anahí, a muller máis fea que un poida imaxinar, pero rebelde coma toda a súa xente e cunha voz doce, envexa dos anxos. Foi feita prisioneira, matou ó carceleiro da cadea e queimárona viva.Os que viron o martirio comprobaron que o corpo da raiña india, envolto nas labaradas, pouco a pouco se convertía nunha arbre lanzal de flores bermellas e, ó amencer, xurdira o Seibo en flor. Botánicamente o Seibo é unha leguminosa.
Indo ó noso, no reino vexetal temos o do mes pasado, agás os tomates do tempo e as espinafres obtidas a "plain air". Uvas, melóns, tanxerinas, ademais dos froitos de que xa falamos, nos deixan ben fornecidos.
De peixes non temos nada que engadir (cicais os ollomoles un pouco máis grandes), e de mariscos esquezamos un pouco ás ostras e ás ameixas polos berberechos, pero temos zamburiñas abondo, e cada vegada mellores vieiras e camaróns. A centola aínda queda lonxe.
E non falemos máis, que este mes é, tamén, o centro da triloxía dos meses máis careiros do ano.
© OLAF, 2002
|





|