MAIO
Para falarlles do mes de maio, e ser un pouco orixinal, vou escomenzar por falar da “filipéndula”, unha rosácea (Spiraea filipendula L.) co caule sen ramificar, de medio metro de altura, máis ou menos, flores brancas ou un chisco rosadas, e de raíces tuberculadas con propiedades astrinxentes.
Pois escomenzo deste xeito porque escasea en Galicia (somentes aparece por terras de Melide e pouco máis) e non se comen. Non se fai sopa de filipéndulas coma se foran urtigas, que esas si as temos entre o cascallo, ou se ven unha pouca seca, e podemos cociñalas e saborealas. De propósito, gostaríame que alguén nos mandara unha receita sobor da base das urtigas. Sei dunha velliña que hai moitos anos facía croquetes cunha mestura de bechamel, xamón e urtigas cocidas. Eu non cheguei a tempo de catalas e ben o sinto.
O das urtigas veu de vagar por mor da filipéndula. E ten cabida neste comentario porque no Simbolismo do linguaxe das flores e das plantas, a filipéndula representa o mes de maio. Este mes, neste ano, escomenza por unha madreselva (mércores) e remata cun ciprés (venres).
Neste mes de maio ferven en mín as arelas de troca-los “broilers”, ou polos para asar, polo galo novo de curral, que ten de vello, neste mes e noutros, festas a el adicadas. Pero por riba da carne xa pasado o inverno (sen nos esquecer dos añiños novos e dos cabritos), un debece pola lamprea (a do Ulla ten un sabor especial ou é unha fermosa teima), polo polbo, as troitas, os chocos, os primeiros chipiróns ó remate do mes, como as sardiñas, que xa se poden pescar dende o quince de abril, e xa fartos de chinchos, eses xurelos pequenos que se sobardan se escabechan (non coma ós porcos, claro) e, dese xeito, poden estar meses dispostos a ser comidos.
Tamén xa estamos afeitos ó salmón á plancha ou á “papillote”, que recomendan moitos médicos aínda que ten o incomenente dos euros, que xa saben o que son.
E seguiremos coas inmorredoiras empanadas de “tropecentos” mexunxes. Na horta co cebolo (branco ou bermello), o tomate e o pemento xa postos no mes pasado, a esperar por eles. E polas “xudías verdes”, os rabanetes, e xa fartos tamén de cenorias, de xenos e de repolos.
Seguiremos tamén coas lambetadas de todo o ano, incluíndo as filloas (xa recheas de crema), pero destacando os melindres de Melide que este mes celebran a súa grande festa á que baixan os deuses do Olimpo, esquecendo a ambrosía que xa teñen aborrecida.
© OLAF, 2002
|




|