Logo lareira.net  
 
   |  Principal   |  Inicio   |  Favoritos   |  Recomendar   |  Comentarios   |   RSS  

PRODUCTOS DE TEMPORADA

JULIO

Aínda que os días minguan dende a noite do 21 ó 22 de Xuño, en Galicia o verdadeiro mes do vrán é o mes de Xullo, que tamén chamamos “mes de San Xacobe”, “mes de San Iago” ou “mes da sega”. Xa o di o refrán: San Iago manda o pan (velaí o da sega), San Migueliño manda o viño, San Francisco manda a landre e San Andrés o touciño.

O certo é que o mes de Xullo, cando non se revira, é unha gloria gastronómica, porque as xoias que están no seu tempo neste mes, ademais de gorentosas, sonvos sás. Se chove xa se di que “a choiva de Xullo fai madeira” non só dende un ponto de vista forestal senón lembrando os incendios provocados. E ademais, sempre haberá lentura para sementa-los nabos, que ha facerse neste mes.

É o mes das verduras dos hortos, cultivadas ó ár,  e non de invernadoiro, dos peixes azuis ademais dos outros, e unha variedade de froitas onde calquera se perde. Calquera ó que lle goste a froita, se entende.

E hoxe en día, pola cousa da industrialización, témola carne de todo o ano (porco, polo, terneira e un pouco de año) ademais da cazata. En Xullo, tamén, os turistas fan moito consumo das empanadas.

Eu, que son moi crítico có simbolismo floral dos meses, recoñezo que, dende un ponto de vista medicinal, representa-lo mes de Xullo pola “Centaura menor” ou “Fel da terra” é atinado, porque se trata dunha Xencianácea (a Xenciana centaurum de Linneo) que non somentes é abundosa na nosa terra e no norde de Portugal, senón que se cultiva en certos montes fríos de Galicia, e se vende a algúns laboratorios.

Porque as infusións das sumidades florales da xenciana, de amargor de fel, ademais de propiedades antipiréticas, son unhas grandes estimuladoras das secrecións dixestivas. Estimulan o apetito, o que fai falla se Xullo ven quente.

A raiña dos peixes é, como non, a sardiña, que coa vixiancia xa non se dinamita. Desapareceron os panchos que se pescaban dende os peiraos polos que non tiñan un bote e un par de remos; pero ademáis das sardiñas temos xurelos, pequenos e grandes, salmonetes, xardas, robalizas, douradas, etc. E, pola banda dos cartos máis abundantes, os bivalvos están en comida, os chipiróns non deixan de entrar ás poteras (xa o están a facer), os percebes esperan atraíntes, e quen están no mes de Xullo en comida, sobor de todo as femias, son as cigalas, e non deixo de recomendarlles que “cliqueen” este nome para relembralas e saber estremar as femias dos machos. Se na mesa as cigalas non se poñen no prato senón nunha fonte, e vostede as vixía coma quen non quere a cousa, pode leva-la man a elas e non a eles con naturalidade, sen quedar como unha persoa malinsinada.

De horta xa temos de todo, agás couvefroles; e tampouco grelos porque hay que sementa-los nabos. Xudías verdes, leitugas criadas “en plein air”, tomates, repolos, berinxelas, pementos, pepineiros, cabaciños... unha morea de verdes están á nosa disposición e no moi custosos. E xa saben que os vexetais non teñen colesterol.


Pementos de Arnoia


Pementos de Padrón

 

De froita témolas mazás das que as serodias chegarán ata ben entrado o mes de Novembro. Os morangos están maravillosos, as picotas tamén, porque as cereixas  papámolas en Xuño, xa aparecen os figos, os abruños e as súas variedades (coma os xaponeses), as peras, kiwis, framboesas, péxegos, albercoques e, ademais dos melóns, a melancia ou ucha da iauga, que xa non ten carabuñas que molesten. 

Se engadimos as lambetadas de todo o ano, xa temos postres abondo.

E ata o mes que ven, que tamén pasará voando coma este.

© OLAF, 2002

© lareira.net, 2001-  | Contacto [RSS válido]  CSS válido