Logo lareira.net  
 
   |  Principal   |  Inicio   |  Favoritos   |  Recomendar   |  Comentarios   |   RSS  

PRODUCTOS DE TEMPORADA

FEBREIRO

Continúan as verduras baixo o reinado dos grelos. E as berzas. Encol das berzas, convén saber que non son somentes comida de pobres, vacas e porcos. Espinafres hainas todo o ano, e aínda atopamos couveflores.

Repostos xa dos sustos económicos de decembro e xaneiro, en febreiro segue o caldo de grelos, o cocido galego e as lacoadas (cunhas filloas), dando ás casas un cheiro deleitoso. Da caza xa falamos en xaneiro coma unha obriga moral. Engadiremos este mes os chourizos xa afumados para crús, e a androlla.

Da froita seguen a mandar as laranxas e as mandarinas. Xa non podemos roubar mazás das arbres, porque xa desapareceron delas e chegou a poda. As mazás de inverno, serodias, conservadas na meia-luz, nuns caixóns ventilados, e estremando as podres cando xurdan, podemos chegar a abril con elas. E aínda que galegos, non esquezamos mercar algunha banana canaria, sobor de todo se nos garanten, o que non é doado, que chegando verdes como chegan a Galicia, a súa madureza se consegue dun xeito natural, sen química que o consumidor descoñeza.

¿Peixes e mariscos?: un respeto. Non se notou que baixaran de prezo pasadas as festas, e supoño que algúns deben ter a tope os conxeladores industriais. Polo demáis, xa se sabe, os mariscos, agás os bivalvos seguen costa abaixo. E de peixes temos un tristeiro xexún que somentes poderemos rachar se amosa a súa figura un sanmartiño por feo que pareza, ou algún ollomol atrasado. E os peixes cultivados.

Deixamos para o remate as lambetadas de todo o ano. Pero o mellor que ven é a maravilla do queixo de tetilla.

    - Come pan co queixo, Pepiño – díxolle a nai.

    - Sábeme ben o queixo só – respostou o rapaz.

 

© OLAF, 2002

© lareira.net, 2001-  | Contacto [RSS válido]  CSS válido