XANEIRO
A pesares do frío e a choiva hai moreas e teremos que elixir. Para empezar, os mariscos con corais van a menos: camaróns, cigalas que esperan ó vrán, nécoras, etc. Que descansen e se reproduzan en paz, e como é debido. Pero temos tódolos bivalvos en comida: ameixas, berberechos (mellor é desexar que a vieira se recupere), e tamén ostras. De peixes, aparte o meixón que custa algo máis que iso e medio, temo-lo ollomol xa máis barato (menos caro) que nestas festas, e en comida; non falemos da sardiña anque a hai, pero seca, nin do chincho que non da a medida, e a moita xente góstalle a xarda e a máis a robaliza (cadra que é máis cara). Tamén temos calamares de profundidade (fuxindo do frío, pobriños) pero non son chipiróns (os que poñen "da ría" son conxelados).
De verduras: ¡donas e señores!, comezan xa suculentas nabizas (non rabizas) e ó remate, os grelos; repolos a tope (termaron das xeadas), couveflores, espinafres e celgas. A insigne berza galega está en Xaneiro en sazón. E ainda que hai un refrán que dí: "Enero y Febrero lentejeros", corresponde á Castela e á Extremadura imperiais, porque as lentellas non son nosas. As americanas son esas pequeniñas que non hai que poñer a remollo e cócense moi ben: colesterol, cero.
De carnes, como Xaneiro é de pratos de culler, temos o cocido galego por excelencia e máis de caldo galego ó día seguinte. En fin, carne fresca de cerdo que de terneira haina todo o ano. Engadamo-la caza (coello, perdiz, etc.; en Galicia o etc. é a lebre, e non enchen máis que o bandullo dos "cazadores") e os pavos, xa gordos anque non sexan coma os capóns. En Lugo, había explotacións de faisáns que están agora moi ben.
De postres, todos, pero non esquezamo-lo Roscón de Reis que en moitos sitios o fan como lambetada ata fin de mes. E temo-la froita: kiwi, xa moi noso (escomenzamos axudando ó primeiro que o puxo en Ourense). Do limón para zumes non lles digo nada, pero temos, como raiñas, as laranxas e as mandarinas (as galegas, anque poucas, honradas e dun aroma moito máis intenso cás sureñas e levantinas). Non pensen neso de que "En verano mero y en invierno, misionero". É falso. E boten unha ollada nesta páxina ás festas gastronómicas do mes que celebran tres productos que non citamos aquí. Ben, vou nomealos: queixo, chourizo e botelo .¿Sigo?. Non, coido que abonda.
© OLAF, 2002 |