Logo lareira.net  
 
   |  Principal   |  Inicio   |  Favoritos   |  Recomendar   |  Comentarios   |   RSS  

PRODUCTOS DE TEMPORADA

DECEMBRO

O mes de Decembro do ano 2002 ven en Galicia tráxicamente condicionado polo que sucedeu o mes de Novembro: a marea moura nas costas galegas provocada polo petroleiro, ou o que fora, chamado "Prestige". E tan moura coma o corazón de quen van a aproveitarse dela. Os políticos non saben que dicir e só falan de cartos, que é o doado. Algún pensa que, coma en Clavijo, chegará o Apóstolo Santiago cunha divina aspiradora. Os entendidos non se poñen de acordo: descoñecen que pasará no fondo. ¿Haberá ou non unha compresión adiabática?. O certo é que o fuel está aí e, se cadra, pouco a pouco irá entrando nas correntes mariñas. Emporiso, a pesares de que os entendidos non falan deso, confiemos na grande capacidade dixestiva da materia orgánica que ten a iauga do mar.

Nun Decembro normal hai unha cousa que endexamáis falla: cáseque tódolos prezos suben e ningún baixa. E levo moitos anos esperando que todos baixen e ningún suba. Cando falo diso cos meus amigos, non teñen arela de min.

Na cousa do mar temos unha boa nova: rematou a veda da centola. Pero escomenzou a da nécora, aínda que esta pasa máis desprecatada. Despois, os ollomoles xa se poñen dun saboroso irresistible, e a frota galega arriba nos peiraos para descarregaren os peixes e mariscos doutras latitudes. Teño comido uns percebes de Africa longos e estreitos coma fíos. Non son os nosos Pollicipes cornucopia, xa ora, pero veñen a xeito. O certo é que calquera devezo que un sinta dun peixe determinado pode satisfacelo neste mes. O que tamén está todo o inverno moi aproveitable para o salpicón é o boi, ou sexa, o Cancer pagurus.

O que non se pode esquecer un é falar dos alimentos vexetais. De verduras, aínda que axiña aparescerán as rabizas e nabizas, falaremos da couveflor, que é a raíña do mes, cunhas inflorescencias brancas e apertadas deleitosas, e máis aínda cando acompañan ó bacallau. Esta mestura é unha comida forte pero na Noiteboa, como sempre se fala un bó rato despois, se fai lixeira coa dixestión.

Pero as noces e avelás e, máis aínda, as balocas (pasados os magostos), se usan para facer doces da época. O turrón de balocas, cunhas poucas améndoas,  é tan saboroso coma o de noces. E seguen as mazás serodias a deixárense comer asadas con azucre coma un postre celmoso. E de remate as tartas: en cada rueiro a súa.

E se a couveflor é a raiña das verduras, o rei das carnes é o capón de Vilalba. O malo que ten é que non chega para todos e témonos que conformar con polos, que os hai de boa orixe.Tamén, dentro das carnes, apréciase moito o cabrito de Becerreá, e doutras comarcas. E se importa de Burgos, moi estimado en Galicia. Madia leva, tampouco esquecemo-lo porco que, non somentes é o rei da matanza, senón o rei da mantenza durante todo o ano.

Bó Nadal e bó Aninovo.

© OLAF, 2002

© lareira.net, 2001-  | Contacto [RSS válido]  CSS válido