Logo lareira.net  
 
   |  Principal   |  Inicio   |  Favoritos   |  Recomendar   |  Comentarios   |   RSS  

PRODUCTOS DE TEMPORADA

AGOSTO

Pasma que tódolos anos, sen fallar ningún, despois do mes de Xullo veña o mes de Agosto (mes de San Iago). Pero é así e non hai que facerlle. Nin siquera os “sans coulottes” que fixeron a Revolución francesa, conqueriron outra cousa que cambea-los nomes dos meses e montar uns sobor dos outros, pero a Mesidor lle seguíu e segue sempre Thermidor.

E comentamos esto que parece que non ven a conto porque en Galicia, a falar dos productos do mes, ven máis a xeito o Calendario Revolucionario ou Francés (feito polo esgrevio matemático Lagrange) que o Gregoriano.  En efeito: entre Mesidor (Xuño – Xullo), Thermidor (Xullo – Agosto) e Fructidor (Agosto – Setembro) temos toda a produción vexetal galega agás, quizabes,  o viño nalgunhas bisbarras onde hai que chegar ó mes seguinte, Vendimiario (Setembro – Outono), que xa fai alusión á colleita da uva.

Xa que logo, os productos vexetais galegos de Agosto son os serodios de Xullo e os temperáns de Setembro. E esto pasa un pouco, tamén, cós productos do mar.

Escomenzando por eles, e poñendo en primeiro lugar o turístico marisco, aparte dos camaróns de roca de todo o ano témolos mexillóns, berberechosameixas, ostras (para as vieiras aínda é cedo), zamburiñas (proben a empanada que se fai con elas, ben limpas, e termen das bagoas cando a rematen), longueiróns e navallas, ademáis doutros bivalvos coma os devanditos. Tamén podemos conformarnos cós caramuxos (as sonadas “minchas”) ou, asegún vexamo-la cousa pensaremos, porque o pensar non custa, nos percebes, bogavantes, langostas e, como está en veda a centola (sempre máis a man do peto) témolo decápodo chamado cangrexo real, das profundidades, que é unha auténtica delicia gastronómica.

Xa se decatarían vostedes de que no marisco, ademáis da inspección sanitaria, somentes temos que respeta-las vedas, saber cando están “en comida”, e que hai que comer o resto do mes porque os cartos voan da man para o pé.

Nos peixes segue o reinado da sardiña e do xurelo, pero non esquezan un escabeche de xardas ou de boqueróns, e aproveiten a oportunidade de dar boa conta dunha “dourada” coa súa mácula dese cor entre os ollos, ou dun prato de salmonetes avermellados. Xa saben que o salmón, cultivado, témolo en calquera lugar e tempo.

En canto ós vexetais xa temo-la “xoia da coroa”, ou sexa, o tomate, ademáis das xudías verdes, leitugas, pimentos, berenxenas, cabaciñas e cabazas. 

De froita, ao mellor xa fartos de mazás, ímonos á framboesa, ás pavías e pexegos, ás claudias verdes e doces, peras, e á melancia que non fai mal a ninguén e que se atopa xa sen carabuñas.

E, por se a alguén lle interesa, a planta representación do mes de San Iago é a “escabiosa”, unha herba dipsacácea con flores azuis no cumio, espallada por toda Galicia onde posuímos unha subespecie autóctona.

© OLAF, 2002

© lareira.net, 2001-  | Contacto [RSS válido]  CSS válido