ABRIL
Hai refráns para tódalas circunstancias, e se seguen así as cousas, non esquezamos que ademais de "en abril, augas mil", tamén outro refrán dí "abril sorridente mata de frío á xente". E tampouco esquezamos que fagamo-lo que fagamos esta morea de formigas que somo-los seres humanos, incluíndo o Sr. Bush, a terra vai cara onde vaia ceibemos ó ár fluoclorocarbonados ou pétalos de margaridas. Pero deixemos isto que aquí non é o noso, como tampouco o é falar do sexo dos anxos.
O que pasa é que para falar dos productos do mes de Abril ¿que imos dicir?. Que entrou de cheo a Primavera e temos á nosa disposición tódolos productos das hortas e, sobor de todo, dos hortiños pequenos. E algúns, un pouco máis serodios, están en promesa, como as cenouras, as patacas do ano (non as temperáns de San Xosé) ou as cebolas. De froita xa se sabe que ata San Xoán non temos máis que a importada e a flor da nosa. E verdura haina todo o ano: couveflor, repolo e berzas. E os xenos dos nabos, que non están mal. Algúns dos nosos cítricos, coma os limoeiros, aínda estarán recuperándose das xeadas de febreiro e marzo. Podemos, namentras, comer os nosos morangos que son tan esenciados e que xa están á venda. Aí atrás choveu e a iauga, neste mes, non ven mal.
Os caneiros están de noraboa por mor de ir ás troitas ó río. Coma sempre, haberá máis canas que troitas que den a medida, e xa sabedes que a troitiña e o unto canto máis vello mellor. Que haxa sorte, augas limpas, e pescadores deportivos. Para as enchentes tanto teñen as troitas de anzó como as de piscifactoría. Pensade no unto.
Pero a historia do peixe xa é outra cousa. Din que o primeiro de abril rematou o paro biolóxico e a flota de cerco algo traerá a terra de cando en vez. Pero a baixura vai á sardiña, como é lóxico. E a sardiña, ata San Xoan, non está en comida: son o choio das conserveiras. Xa se di que a sardiña por Abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por Maio asádea no borrallo, e por San Xoan molla o pan.
Se cadra, algún xureliño, pero non esquezamos, tampouco, que os calamares "da ría", esperando os chipiróns do vrán (que algún haberá) seguirán a vir de Buenos Aires, co permiso do Sr. Duhalde, cortados xa, e aínda enfariñados, o que non fai doado identificalos. O halibut, ou fletán, que ven do Canadá, mercámolo e comémolo como "filetes de linguado", porque xa chega a nós sen espiña e sen pel. Por eso, as veces, tamén, queren pasalo por rodaballo. Ao mellor ni sequera é o fletán atlántico (o Hippoglossus hippoglossus) senón o mouro, ou platixa, ou solla de altura, que tamén se filetea. E as nosas pesquerías de Tanzania completan a perca blanca e a raiada do río Nilo, que ven preparadiña e nos din que é mero. Agora parece que escomeza a cumprirse a obriga de pór a orixe e os verdadeiros nomes deses animais, namentras a xente se preocupa dos transxénicos sen saber que eles mesmos o son. O día 26 de Abril é a Festa Nacional de Tanzania, que celebra o día da Unidade de 1964, e podémolo celebrar cós "meros" da rexión.
Emporiso, a nosa tradición pesqueira en Namibia, por mor de que alí interesan máis os diamantes de aluvión e outras riquezas mineiras, hai que mantela, porque son bancos moi importantes e, ademais, nos cadran máis cerca da casa. E non falemos do bacalao-abadexo-maruca e do marisco con cara de leite fervido que chega de Francia e de non sei onde.
E máis nada, que sempre me paso. Deica o mes que ven.
© OLAF, 2002
|