
Non lles vou falar da filipéndula, porque o mes de xuño está simbolizado pola papoula. Os que estabeleceron o calendario simbólico da flora, ben seguro que non eran galegos, porque a papoula, coma unha tacha bermella no medio dun prado verde, é a primeira flor que xorde na Primavera. Endemais, as papaver tampouco se comen. O malo delas é que se fuman.
Ó falar de vexetais temos que dicir que en xuño rematan nas hortas as couveflores e, xa que logo, témolas que esquecer deica Novembro. Aínda están a medra-las cebolas e os tomates (a "xoia" da coroa dietética), pero podémonos fartar de xudías verdes, fabas, leitugas, escarolas, espinafres, espargos (o que adoite a poñelos e ande ben do ácido úrico) e pepineiros. Aínda, tamén, é un pouco cedo para os pementos, pero non para os chícharos nin para as alcachofas, que xa empezan a seren comúns nos hortos pequenos.
Remataron as laranxas e agás as fresas, xa ora, somentes aparecen (apareceron xa a fins do pasado mes) algunhas cereixas, a pagar con cheque en euros, porque non se poden levar tantos cartos como custan no peto. E de froita, somentes as temperáns mazás de San Xoan nos din como virán as golden ou as tabardillas, aínda que no sul de Galicia madrugan un pouco máis a prol duha integral térmica máis favorable.
Temos que comer moitos vexetais, agora que os temos á man e no seu tempo, porque son moi bós e necesarios para a saúde. Lembremos que saímos do inverno no que o porco foi o rei, e o é todo o ano. Pero é que se queremos carne, que tamén fai falla, temo-la terneira galega cunha indicación xeográfica protexida.
E tamén, rematado o paro biolóxico, e agás que haxa unha ringleira de temporais, os prezos dos peixes virán a rego, e xa sabemos que se recomendan os azuis, e temo-las sardiñas e os chinchos, pero a ninguén lle da noxo unhas fanecas, un sanmartiño, un rodaballo ou un peixesapo á plancha ou como sexa. Tamén caerán algúns chipiróns e outros mariscos que lles recomendo, sobor de todo, se os convidan a un xantar político onde sempre abondan. Por outra banda, os turistas debecen por eles. E se poden pagalos, eu sacrifícome polos veraneantes, non por aforrar senon porque eu son boa persoa.
E ó falar, precisamente, deste mes de xuño que ven, e ó ver que na última quincena, e polo vran, vai florece-lo verbasco (tamén chamado gordolobo, que é etimoloxicamente máis correcto) non me resisto á deformación que xorde de andar metido entre receitas. O gordolobo é unha escrofulariácea e na nosa terra galega o esgrevio botánico Pai Merino doulle o seu nome a unha variedade moi pilosa do Anthirrinum meonanthum. Pois ben, usouse o cocimento das súas flores para a tise, as follas coma mechas do candil e as sementes para envarbesca-la iauga. Pero eu quero transcribir, literalmente, unha receita que teño nun libro de 1748, de Madama Fouquet:
Para quien huviesse recibido golpe con un palo, ó para curar de una pedrada
Toma yerva que llaman verbasco, ó gordolobo, y harás zumo de ella, y si hay herida, limpia bien la sangre, lavándola con vino blanco, o agua, y después echa en la herida sobre la dicha yerva asi majada el zumo, y atada bien con una faxa, y dexada asi por todo el dia, vereis un milagro.
© OLAF, 2002